O vindeiro venres 25 de febreiro, celebraremos no colexio o Entroido e tendo en conta que este ano o Proxecto que traballamos durante o curso basease na obra do pintor Leandro Lamas, pensamos que sería unha boa idea facer un disfrace de pincel e paleta que non vos supuxera nin un gasto importante, nin tampouco un esforzo grande para a súa elaboración.
Aquí vos deixamos unha foto cos detalles, os materiais e datos sobre como facer a forma do pincel para a cabeza e a paleta.
Respecto á vestimenta, pedimos que sexa toda negra para que non haxa diferenzas e se vexa uniforme. Se tendes algunha dificultade, por non dispoñer de roupa deste cor, podedes utilizar marrón escuro ou azul mariño, pero que leven pantalóns e parte de arriba iguais.
Grazas pola vosa colaboración.
DISFRACE DE PINCEL E PALETA DE PINTOR OU PINTORA
VESTIMENTA: Toda de negro
MATERIAIS: Cartolina prateada, ramas de vasoira, un pouco de porexpan, cola branca, pegamento de contacto, cartón e goma ancha de costura, pintura acrílica branca e cores.
ADORNO DA CABEZA:
A cartolina córtase tendo en conta o perímetro cranial do neno ou nena, (a altura debe ser duns 15 ou 20 centímetros) e grámpanse os extremos, despois cortamos o porexpan en forma circular para que o seu tamaño coincida co interior da circunferencia da primeira.
As ramas crávanse e vanse axustando con cola e unha vez formado o pincel, a base pégase a uns 8 centímetros da parte superior da cartolina (máis ou menos). Deixamos uns modelos para obter as fibras do pincel.
PALETA:
Para a paleta só necesitades un anaco de cartón e debuxar sobre el unha paleta de pintor. A medida será sobre 50 centímetros, máis pequena que a da foto. Pintade con pintura acrílica branca a superficie e unha vez que esta seque, pintades as cores como vedes na foto.
Unha goma ancha de tres ou catro cm colocada no reverso, e ben suxeita con precinto, fará de asa para poder agarrar a paleta sen dificultades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario