15.3.22

DÍA DA PAZ 2022: VOANDO CON "ÁS DE PAZ"

O Día da Paz conmemora o aniversario da morte do activista e avogado indio Mahatma  Gandhi, líder que loitou polos dereitos da poboación india con métodos de resistencia pacífica e promovendo a non violencia. O 30 de xaneiro de 1948 foi asasinado a tiros por un mozo radical.

Baseándonos neste feito, cada ano resaltamos os valores que traslada o Día da Paz e neste 2022, inspirámonos na obra do escultor mexicano Jorge Marín, titulada "Ás de Paz", que foi presentada por primeira vez no ano 2016 no marco do Día Internacional da Paz. Hoxe destaca como un símbolo que lembra á figura do Ave Fénix, descrita como un ave que rexorde das súas propias cinzas. 

Por todo iso, realizamos un  photocall con dúas ás xigantes creadas por todo o alumnado do centro.

Aprender a participar é aprender a ser responsable, celebrar cada 30 de xaneiro o Día da Paz e da Non Violencia, é formar parte activa da sociedade con criterio e plena responsabilidade.

Este ano mostrámoslle ao noso alumnado que poden ser “superheroes e superheroínas da Paz”e traballar por un mundo mellor desenvolvendo actitudes de tolerancia, solidariedade e respecto. 

O noso enfoque é animar a participar, dialogar, compartir e ser responsables, facilitándolles as ferramentas e espazos na súa contorna e o noso propósito é:


1. Desenvolver unha formulación de escola centrado na Educación para a Paz onde se traballe e se fomenten os valores de maneira diaria nas diferentes etapas educativas.

2. Traballar e transmitir os distintos valores como o afecto, a harmonía, a gratitude, a igualdade, a amizade, o respecto, a tolerancia e a solidariedade, necesarios para conseguir a paz.

3. Fomentar a participación nas actividades e experiencias encamiñadas a axudar e ser axudados.

4. Analizar as consecuencias da violencia e propoñer ideas que promovan a paz e a non violencia.

5. Coñecer as persoas que contribuíron a mellorar o mundo.


            




















No hay comentarios:

Publicar un comentario