Continuaremos esta semana co tema 9 adicado aos peixes e a auga. Nesta ocasión traballaremos lendas relacionadas coa nosa contorna: "A Ponte de Pontedeume" e a "Lenda da serea das Illas Miranda". Se tes algunha ficha por rematar, podes acabala este días.
LECTURA E COMPRENSIÓN LECTORA:
A ponte de Pontedeume
Un dos señores de Andrade tiña unha filla chamada Minla que andaba moceando cun rapaz do outro lado do río que atendía por Ledán.
Ledán namorado cruzaba a nado o río todas as tardes para ver a súa moza mais nunha daquelas travesías sorprendeuno unha treboada. Lendán morreu afogado diante dos ollos da súa amada, que vía o seu corpo a mercé das ondas sen podelo socorrer. O demo, atento ás desgrazas alleas, achegouse a Minla e ofreceulle axuda:
—Se me dás a túa alma, ao amencer heiche ter feita unha ponte!
A moza aceptou coa condición de que a ponte estivese rematada antes de que cantase o galo do curral dos Andrade.
O demo traballou toda a noite e foi quen de facer case setenta e un arcos de cantería. Ao alborexar cantou o galo dos Andrade e aínda quedaba un arco por rematar.
Así salvou a alma Minla e o demo quedou retorto, pois a dama puido cruzar ao outro lado dando un pequeno chimpo sobre o arco inacabado.
Vocabulario:
Vocabulario:
- treboada: Chuvia intensa. Tormenta.
- amencer: Amanecer
- alborexar: Cando empeza a abrir o día
- chimpo: Brinco, salto.
COMPRENSIÓN E EXPRESIÓN ESCRITA:
- Copia o seguinte texto e fai un debuxo da lenda:
Lenda da serea das illas Miranda
As Illas Miranda están na ría de Ares, nas proximidades desta vila da provincia da Coruña.
Son dous illotes, Pequena e Grande, nos que vive unha serea que ás veces vai tomar o sol ás praias de Perbes, Centroña ou ás dos arredores de Ares.
- Fai unha descrición oral da serea que debuxaches, utilizando os seguintes aspectos:
Cabelo: loiro, negro, castaño, liso, ondulado, recollido, desordenado…
Cara: ancha, estreita, redonda, delgada, alongada…
Ollos: azuis, verdes, grises, marróns, negros, dormiñóns, doces, vivos, tristes…
Nariz: chata, puntiaguda, curva, longa, grande, ancha…
Boca: fina, grosa, grande, pequena…
Pestanas: longas, pequenas, grosas, finas…
Cellas: arqueadas, finas, espesas, rectas, delgadas, pegadas, separadas…
Mans: grandes, pequenas, longas, grosas, finas…
Carácter: amable, alegre, valente, seria, divertida, aburrida, lista…
DITADOS:
- A miña madriña tróuxome un edredón.
- Ao dragón gustáballe o azucre.
- Meu padriño di que non paro de medrar.
- Viches o trasno que chegou no tren?
- Merquei un traxe e tres garabatas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario