Estes días estamos a traballar en Ciencias da Natureza Os seres vivos e a diferenza entre as cidades e as aldeas e nada mellor que un poema de Rosalía como "Adiós ríos, adiós fontes" para descubrir como vivía a nosa escritora os sentimentos que tiña na natureza.
Escoitade o poema cantado por Amancio Prada e coa letra para que o poidades aprender.
Pronto celebraremos no colexio o Día de Rosalía que foi o pasado 24 de febreiro.
Adiós ríos, adiós fontes
Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra onde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites claras de luar,
campaíñas timbradoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ao meu amor,
camiñiños entre o millo,
adiós, para sempre adiós!
Adiós groria! Adiós contento!
Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que coñezo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
Quen pudera non deixar!
Rosalía de Castro,
Cantares galegos
No hay comentarios:
Publicar un comentario