30.4.21

FESTA DOS MAIOS 2021

 En Galicia, desde épocas moi remotas, celébrase o fin dos duros meses de inverno e o inicio da primavera coa Festa dos Maios.

Coma tódolos anos, o noso centro tamén se une a esta festividade creando os seus propios maios.  Aínda que de xeito diferente a cursos anteriores, dada a situación sanitaria na que nos atopamos, os nenos e nenas de 2º de primaria volveron a traer unha gran cantidade de verde e flores para a súa elaboración: hedras, mirtos, fiúnchos, xestas, calas, rosas, margaridas… así como laranxas bravas e ovos baleiros.

Con ilusión e traballo en equipo conseguiron facer uns bonitos maios e aprender máis sobre esta celebración tan arraigada na nosa vila.

Para todos aqueles que teñan interese en velos de cerca, todos os maios elaborados polos nenos e nenas do Couceiro xa están expostos ao público na Casa da Cultura de Pontedeume.

Botade unha ollada ao traballo que fixo o alumnado!























24.4.21

COÑECEMOS A HERÁLDICA DA NOSA VILA

 A historia de Pontedeume é moi ampla e rica, xa que abarca 750 anos desde a súa fundación. Nela, tiveron lugar moitas revoltas e acontecementos históricos importantes que marcaron o que é a vila hoxe tal e como a coñecemos. 

A heráldica é unha boa forma para entender mellor o nacemento e o desenvolvemento de Pontedeume ao longo da historia. Por iso, decidimos botar unha ollada aos escudos que hai nas rúas do noso concello para poder achegarnos máis a esa historia.

Recorrendo as rúas da vila puidemos comprobar a cantidade de escudos que aparecen nas fachadas de numerosos edificios do concello. Os nenos e nenas coñeceron a orixe deses escudos, os símbolos máis representados neles (flores, animais…), as partes nas que se divide, o material do que están feitos, as cores e a súa tipoloxía.

A continuación, amósanse imaxes do recorrido que fixemos pola vila.