23.3.22

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA 2022


      RECITANDO A MANUEL MARÍA COS OLLOS DE LEANDRO LAMAS

En 1ºB adicamos  a Manuel María a Semana da Poesía no Couceiro, convocada polo Equipo da Biblioteca, entre o 21 e o 25 de marzo. Tendo en conta que o PDI deste curso estamos a traballar a pintura de Leandro Lamas, pareceunos que era unha gran oportunidade vincular ao poeta co pintor, xa que este ilustrou a portada do disco "Canta o Cuco"que interpretan Uxía e Magín na casa de Manuel María.
A poesía que recitan nenos e nenas de primeiro de primaria con tanta emoción, pertence ao libro "Soños na Gaiola" que Manuel María adicou aos pequenos, inspirándolles o que é Galiza e onde está:  "En ti tes que atopala".


   
         
       
       
 "ONDE VAS?" CANTAROLAS CON LEANDRO LAMAS

 Para celebrar a Semana da Poesía, os nenos e nenas de 1°A recitan o poema "Onde vas?" 
 de Anisia Miranda, contido no libro "Cantarolas" e ilustrado por Leandro Lamas.


         

15.3.22

DÍA DA PAZ 2022: VOANDO CON "ÁS DE PAZ"

O Día da Paz conmemora o aniversario da morte do activista e avogado indio Mahatma  Gandhi, líder que loitou polos dereitos da poboación india con métodos de resistencia pacífica e promovendo a non violencia. O 30 de xaneiro de 1948 foi asasinado a tiros por un mozo radical.

Baseándonos neste feito, cada ano resaltamos os valores que traslada o Día da Paz e neste 2022, inspirámonos na obra do escultor mexicano Jorge Marín, titulada "Ás de Paz", que foi presentada por primeira vez no ano 2016 no marco do Día Internacional da Paz. Hoxe destaca como un símbolo que lembra á figura do Ave Fénix, descrita como un ave que rexorde das súas propias cinzas. 

Por todo iso, realizamos un  photocall con dúas ás xigantes creadas por todo o alumnado do centro.

Aprender a participar é aprender a ser responsable, celebrar cada 30 de xaneiro o Día da Paz e da Non Violencia, é formar parte activa da sociedade con criterio e plena responsabilidade.

Este ano mostrámoslle ao noso alumnado que poden ser “superheroes e superheroínas da Paz”e traballar por un mundo mellor desenvolvendo actitudes de tolerancia, solidariedade e respecto. 

O noso enfoque é animar a participar, dialogar, compartir e ser responsables, facilitándolles as ferramentas e espazos na súa contorna e o noso propósito é:


1. Desenvolver unha formulación de escola centrado na Educación para a Paz onde se traballe e se fomenten os valores de maneira diaria nas diferentes etapas educativas.

2. Traballar e transmitir os distintos valores como o afecto, a harmonía, a gratitude, a igualdade, a amizade, o respecto, a tolerancia e a solidariedade, necesarios para conseguir a paz.

3. Fomentar a participación nas actividades e experiencias encamiñadas a axudar e ser axudados.

4. Analizar as consecuencias da violencia e propoñer ideas que promovan a paz e a non violencia.

5. Coñecer as persoas que contribuíron a mellorar o mundo.


            




















12.3.22

FICHAS REFORZO DE MATEMÁTICAS TEMAS 5, 6, 7

 Aquí vos deixamos fichas de Anaya para reforzar na casa, o traballo que fixemos no colexio en matemáticas dos temas 5, 6 e 7, correspondentes ao segundo trimestre.

9.3.22

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Como cada curso, conmemoramos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Entre todo o alumnado de infantil e primaria, fixemos un mural, que recolle a historia de diferentes mulleres destacadas nas artes, seguindo o PDI deste ano. Os primeiros colaboramos con moito interese, incorporando os nosos carteis, adicados a Victorina Durán Cebrián (1ºB) e a Elena Romero Barbosa (1ºA) que podedes ver no vídeo feito pola biblioteca do colexio. 
 Premede na imaxe para ir a páxina da biblioteca, adicada ao 8 de marzo.







27.2.22

ENTROIDO 2022 1ºA-1ºB: "SOMOS PINCEIS E PALETAS"

Grazas familias pola vosa colaboración! O resultado foi fantástico e xa queda coma un bonito recordo do entroido de 1º de primaria. Todos e todas gozaron cos zancudos e os malabaristas e o desfile resultou moi ben, dentro de que nos permitiron as medidas establecidas polo situación actual. 
 Bo entroido!!!!





 

16.2.22

ENTROIDO 2022: DISFRACE DE PINCEL E PALETA DE PINTOR OU PINTORA 1ºA e 1ºB

Estimadas Familias: 
O vindeiro venres 25 de febreiro, celebraremos no colexio o Entroido e tendo en conta que este ano o Proxecto que traballamos durante o curso basease na obra do pintor Leandro Lamas, pensamos que sería unha boa idea facer un disfrace de pincel e paleta que non vos supuxera nin un gasto importante, nin tampouco un esforzo grande para a súa elaboración.
Aquí vos deixamos unha foto cos detalles, os materiais e datos sobre como facer a forma do pincel para a cabeza e a paleta. 
Respecto á vestimenta, pedimos que sexa toda negra para que non haxa diferenzas e se vexa uniforme. Se tendes algunha dificultade, por non dispoñer de roupa deste cor, podedes utilizar marrón escuro ou azul mariño, pero que leven pantalóns e parte de arriba iguais. 
 Grazas pola vosa colaboración.

 DISFRACE DE PINCEL E PALETA DE PINTOR OU PINTORA 

 VESTIMENTA: Toda de negro
 MATERIAIS: Cartolina prateada, ramas de vasoira, un pouco de porexpan, cola branca, pegamento de contacto, cartón e goma ancha de costura, pintura acrílica branca e cores. 
ADORNO DA CABEZA: A cartolina córtase tendo en conta o perímetro cranial do neno ou nena, (a altura debe ser duns 15 ou 20 centímetros) e grámpanse os extremos, despois cortamos o porexpan en forma circular para que o seu tamaño coincida co interior da circunferencia da primeira. As ramas crávanse e vanse axustando con cola e unha vez formado o pincel, a base pégase a uns 8 centímetros da parte superior da cartolina (máis ou menos). Deixamos uns modelos para obter as fibras do pincel.
PALETA: Para a paleta só necesitades un anaco de cartón e debuxar sobre el unha paleta de pintor. A medida será sobre 50 centímetros, máis pequena que a da foto. Pintade con pintura acrílica branca a superficie e unha vez que esta seque, pintades as cores como vedes na foto. Unha goma ancha de tres ou catro cm colocada no reverso, e ben suxeita con precinto, fará de asa para poder agarrar a paleta sen dificultades.