6.11.19

RESPECTO AO MEDIO AMBIENTE: PREPARÁNDONOS PARA A EXCURSIÓN A: "AS FRAGAS DO EUME"

Hoxe o tempo non nos acompañou e non puidemos gozar da saída ás Fragas do Eume, así que aproveitamos para ver uns documentais que nos axudan a descubrir este bosque único  que temos na nosa contorna.
O motivo de elixir un lugar tan especial como as nosas fragas, é porque dentro do noso proxecto anual adicado á igualdade, temos un apartado orientado á reciclaxe e á defensa do medio ambiente, por iso As Fragas do Río Eume, deben ser coñecidas e respectadas polo noso alumnado, para convertérense en mulleres e homes gardiáns deste pulmón natural que nos rodea e protexe.
Cando vaia bo tempo camiñaremos polas fragas nunha visita guiada polo Centro de Interpretación, descubrindo a súa marabillosa vexetación.
 
As fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997, que abrangue 9.126 hectáreas nas beiras do río Eume. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa, e son un dos poucos bosques do seu tipo que quedan no continente. 
Esténdese polos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez. 
Malia ser a flora o máis valorado das fragas, existindo raras especies de felgos que habitaban a terra hai millóns de anos, tamén destacan algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, dende pequenos anfibios e réptiles, como a saramaganta, ata especies maiores, como o lobo ou diversas aves de rapina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario