8.9.21

INFORMACIÓN INICIO DE CURSO 2021-2022

Estimadas Familias:

Comezamos un novo curso co ánimo de que, a pesares das complicacións que se nos presentan por causa do COVID, sexa produtivo para o alumnado de 1º de Educación Primaria (EP) 

Nesta volta ás aulas temos que aprender a socializar con distancia, sen contacto físico ou transmitir emocións sen poder mostrar parte das nosas facianas. Tanto para mestres como para alumnos e alumnas, supón un cambio importante na interacción habitual e require dun tratamento específico nas aulas.

A perda de liberdade do alumnado é máis que evidente, xa que son moitas as limitacións que se atopará no retorno ao colexio, pero temos que transmitirlles aos nenos e nenas que se trata dunha situación transitoria e que ese esforzo vai en beneficio de todos e todas, por iso é moi importante o traballo en común de familias e titoras.

Seguidamente vos comentamos diferentes puntos de interese recollidos no "Plan de Acollida" do noso colexio:

MÁSCARAS: 

O uso de máscara será obrigatorio para todo o profesorado, persoal non docente e alumnado a partir dos seis anos de idade, independentemente do curso no que se atope matriculado.

 O alumnado deberá utilizar máscaras FFP2, cirúrxicas ou hixiénicas adaptadas ao seu tamaño. Pola saúde de todos e todas é altamente recomendable que as máscaras ou os seus filtros estean homologados ou sigan a normativa correspondente.

 Deberán traer unha posta da casa e outra para cambiar logo de tomar a parva. A máscara de recambio deberá vir gardada de xeito independente nun estoxo que cumpra as recomendacións do Ministerio de Sanidade. Deberán traer outro recipiente ou sobre como o anterior, para gardar a máscara se fose preciso nalgún outro momento da mañá. 

A imposibilidade de uso de máscara deberá ser acreditada polo/a pediatra ou facultativo da persoa obrigada ou polo servizos de prevención de riscos, no seu caso para persoal docente e non docente.

 Recomendamos para o alumnado usuario do comedor un terceiro estoxo que cumpra as recomendacións do Ministerio de Sanidade

 GRUPO ESTABLE DE CONVIVENCIA

O alumnado de cada grupo poderá relacionarse entre si, pero ten que evitar a relación co resto dos grupos estables. En EP é obrigatorio, a pesar de formar grupos de convivencia estable, o uso de máscara. Como unha medida extra, procurarase que o alumnado estea distanciado o máximo posible que permita o espazo.

ENTRADAS E SAÍDAS:

 Tanto nas entradas como nas saídas hai que evitar as aglomeracións de persoas. Por iso, só deberá vir un acompañante por cada alumno ou alumna e será fundamental a puntualidade. Non se debe chegar demasiado cedo nin tarde. 

En canto o alumno ou alumna entre ou saia, as persoas acompañantes deben abandonar os arredores do centro para evitar a formación de grupos de persoas.

 Recomendámosvos que evitedes que os/as acompañantes sexan persoas de risco. Apelamos á responsabilidade colectiva para que os grupos de convivencia estable teñan a maior efectividade posible. 

O alumnado de 1º a 3º de EP entrará polo portalón principal do colexio polo camiño de frechas verdes ata a súa aula onde tamén estará o profesorado agardando.

O horario de entrada de EP será de 8:30 a 8:45.  Este horario é para todo o curso dende o vindeiro luns 13 de setembro, xa que o día xoves 9, inicio de curso, 1ºA e 1º B entraremos ás 10:25 h. 

O transporte escolar este ano estacionará na Avenida do Peirao, xusto antes do paso de peóns que se encontra diante da entrada da porta principal do centro. Unha vez dentro do recinto escolar todo o alumnado de transporte entrará pola porta principal seguindo o camiño das liñas amarelas. Haberá profesorado de garda que velará pola seguridade do alumnado na baixada do autobús, no desprazamento ata o centro e por que as entradas sexan feitas de maneira ordenada. Este alumnado terá prioridade á hora de entrar no colexio.

A persoa que acuda a recoller ao neno/a deberá colocarse no número de lista correspondente ao neno/a coa distancia de seguridade que indican as frechas amarelas pintadas no chan. Cando recolla ao neno/a abandonará o recinto seguindo o camiño sinalado polas frechas da mesma cor. 

O alumnado de EP sairá escalonadamente nos seguintes horarios pola porta pola que entrou: 

CURSO HORA PORTA DE SAÍDA:

 1ºA 13:35h Porta principal (lateral dereito mirando ao mar)

 1º B 13:35h Porta principal (lateral esquerdo mirando ao mar)

 IMPORTANTE:

 Os acompañantes do alumnado de EP non poden acceder ao recinto, agás que así fose solicitado polo persoal do centro ou para trámites administrativos no horario establecido.

O alumnado que chegue con retraso deberá entrar pola porta principal da escola esperando que unha persoa autorizada do centro o acompañe a súa clase.

En 1º de EP os libros de texto viaxarán en función do horario ou das indicacións das titoras. O material relativo ás materias de música, plástica e inglés/francés quedará na escola gardado en cada aula.

Os eventos deportivos ou celebracións que teñan lugar no colexio realizaranse sen asistencia de público.

Seguidamente vos deixamos os horarios, que tamén permanecerán na columna lateral esquerda do Blog de maneira permanente, e unha documentación importante para o inicio do curso, que igualmente teredes dispoñible na cabeceira do blog.

Grazas pola vosa colaboración!!

Titora de 1ºA Nuria Pedreira

Titora de 1ºB Graci Tenreiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario