23.6.19

REVISTA DIXITAL ABRENTE EDLG Nº 39 2019

Rematamos o mes de xuño coa edición de Abrente nº39 do EDLG, na súa versión dixital, cun contido extenso. 
 "Almanaques de Peto" e as "Letras Galegas", son algúns dos grandes temas que tratamos neste número da revista que presenta un novo formato, destacando o traballo do alumnado e profesorado ao longo de todo o curso escolar 2018-2019. 
Abrente convírtese así nun lugar común de todas e todos, poñendo foco aos nenos e nenas de todos os niveis de infantil e primaria, para que teñan o seu espazo e brillen por igual, como é no caso do PDI sobre a Alimentación Saudable:"Bo Proveito!"  e en “Eu son Rosalía” que celebramos o "Día de Rosalía", onde a participación masiva de todo o colexio, profesorado e persoal non docente, é un modelo de integración do gran equipo que conforma o noso centro escolar.
 Proxectos innovadores como LÓVA , "O sistema Solar" e "Illa Fantasía", aparecen como parte deste novo número.
"Lemos aos máis pequenos e pequenas", "Madriñas e Padriños lectores", "Día da Paz", "Día da Poesía e do Teatro", o "Certame anual de Poesía Couceiro Freijomil", que este ano cumpre a súa XI edición, e o "Álbum Bilingüe" , axudan a favorecer que a nosa lingua se incorpore á vida cotiá do alumnado.
Finalmente comentar que Abrente forma parte do gran proxecto do EDLG O GALEGO NAS NOSAS MANS, no que participan, directa ou indirectamente, os 350 alumnos e alumnas  o profesorado, persoal non docente, familias e público en xeral, buscando como finalidade básica, conquistar unha “real” e “efectiva” competencia lingüística no idioma galego no noso centro.
O GALEGO NAS NOSAS MANS pretende ser un proxecto transformador que traslade o noso labor de dinamización dun xeito transversal, animando a todos e todas a levar a cabo os seus proxectos e actividades en galego. Tamén aspira a ser un proxecto inclusivo cunha clara aposta pola igualdade paritaria en tódalas actividades, fortalecendo a representación equivalente de nenos e nenas.

Preme na revista e amplia as páxinas na esquina superior dereita, para ver o seu contido. Tamén podes descargala ou imprimila.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario